Vivenda e Solo licita por 500.000 euros a contratación dos proxectos sectorial e de urbanización do parque empresarial da Pasaxe Abril 30, 2008
Posted by apeneiradovalminhor in Gondomar.trackback
:: A Consellería xa remitiu ao Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) o anuncio da convocatoria do concurso público e as empresas interesadas poden presentar as súas propostas ata o 18 de xuño nas oficinas de Xestur Pontevedra ::
A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, licita por 500.000 euros a contratación dos proxectos sectorial e de urbanización para o desenvolvemento do Parque Empresarial da Pasaxe no Concello de Gondomar. A Consellería xa remitiu ao Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) o anuncio da convocatoria do concurso público, polo que as empresas interesadas xa poden presentar as súas propostas ata o vindeiro día 18 de xuño nas oficinas de Xestur Pontevedra (Praza Maruxa Mallo nº1, 1º, Vigo), sociedade pública adscrita á Consellería.
O orzamento de licitación inclúe tamén a redacción dos traballos técnicos previos – parcelario, topográfico e xeotécnico –, así como a elaboración do Estudo de Sostenibilidade Ambiental, Impacto Territorial e Paisaxístico e un Estudo Arqueolóxico do ámbito. O prego de bases do concurso público, así como o contrato tipo e demais documentación, poderá consultarse en Xestur Pontevedra e descargarse da web www.conselleriavivenda.xunta.es. Trala adxudicación dos proxectos, a empresa contratada disporá dun prazo máximo de 5 meses para a súa elaboración.
Os proxectos desenvolveranse sobre un ámbito aproximado de 650.000 metros cadrados, o que permitirá ordenar e urbanizar a área xa existen e, ademais, ampliar a superficie con 300.000 novos metros cadrados de solo empresarial.
Protocolo de colaboración
Esta actuación en materia de creación de solo empresarial desenvólvese en base a un protocolo de colaboración asinado o pasado día 1 de abril entre a conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, e o alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo, co obxectivo de levar a cabo a ordenación e urbanización do actual Parque Empresarial da Pasaxe, o que permitirá a moitas das empresas alí instaladas regularizar a súa situación actual e ademais contar cos servizos e infraestructuras propias dun parque empresarial do século XXI.
Tal e como se recolle no protocolo de colaboración, na elaboración do Proxecto Sectorial darse unha participación activa aos representantes da Asociación de Empresarios de A Pasaxe, da Xunta de propietarios de terreos incluídos no ámbito do polígono de A Pasaxe, da Comunidade de Montes de Vincios, así como as diferentes administracións públicas.
O obxectivo da Consellería de Vivenda e Solo é que o Parque Empresarial da Pasaxe sexa un modelo de xestión e coordinación das distintas Administracións públicas para regularizar e ordenar situacións urbanísticas nacidas á marxe do planeamento e aos efectos de dotalas de condicións de sustentabilidade urbanística e ambiental compatibles.

Comentarios»
No comments yet — be the first.