María José Caride anuncia que as autoestradas do Val Miñor e A Coruña-Carballo contarán con telepeaxe dende o 1 de xaneiro

caride_autoestrada1

:: Os usuarios que teñan este dispositivo poderán circular por ambas autoestradas galegas sen deterse para pagar as peaxes, o que axilizará o tráfico ::

A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, anunciou hoxe que as autoestradas autonómicas A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) contarán con telepeaxe dende o 1 de xaneiro. Esta mellora acadada por Política Territorial forma parte do convenio asinado entre a Consellería e a concesionaria de ambas infraestruturas para a reforma dos enlaces da Autoestrada do Val Miñor. A telepeaxe que agora se implanta contribuirá a axilizar o tráfico en ambas autoestradas ao evitar que os vehículos teñan que deterse para pagar as peaxes.

A telepeaxe é un sistema que permite, a través da colocación dun dispositivo electrónico no vehículo, circular polas autoestradas sen ter que deterse para pagar as peaxes. Uns carrís específicos habilitados nas áreas de cobro das autoestradas detectan a proximidade do vehículo equipado co dispositivo e abren automáticamente as barreiras, cargando electronicamente o custo da peaxe á conta bancaria do usuario sen que este teña que deterse. O sistema de telepeaxe que se implantou en ambas autoestradas autonómicas é compatible cos empregados no resto das autoestradas españolas e que en Galicia xa se podía utilizar na Autoestrada do Atlántico (AP-9).

O dispositivo de telepeaxe pode obterse en practicamente todos os bancos e caixas de aforro de España. Para obter máis información sobre a telepeaxe pódese acudir igualmente á páxina web www.viat.es.

Reforma dos enlaces do Val Miñor
A implantación da telepeaxe forma parte do convenio asinado entre a CPTOPT e Autoestradas de Galicia para a reforma da Autoestrada do Val Miñor nos enlaces de Sabarís, A Ramallosa, Nigrán e Porto do Molle, actuación xa iniciada e que supón un investimento de 24,7 millóns de euros. O convenio establece as condicións para que a concesionaria complete os actuais enlaces parciais de xeito que poidan ser utilizados tamén para traxectos interiores entre os concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona e non só para a súa comunicación exclusiva con Vigo como ocorría ata agora.

A Autoestrada do Val Miñor (AG-57) atópase en servizo dende maio de 1997 e ao longo destes anos constatáronse importantes limitacións na súa accesibilidade e unha elevada estacionalidade nos seus tráficos. O feito de que a autoestrada carecera de enlaces completos supón unha importante limitación na mobilidade dos cidadáns da comarca, polo que a Consellería de Política Territorial está a impulsar a reforma desas conexións, cuxa configuración inicial resultaba insuficiente para a prestación dun óptimo servizo aos concellos da comarca.

Segundo o convenio, a CPTOPT asume o custo da reforma e construción dos dous enlaces que non están ligados a peaxes: Sabarís e o novo nó completo de Porto do Molle. A reforma do primeiro enlace permitirá circular cara Baredo como circunvalación gratuíta de Baiona mentres que a construción do segundo permitirá conectar o novo parque empresarial tanto co tronco principal da autoestrada como con Praia América e será sufragado a medias coa Zona Franca. Este enlace de Porto do Molle, que por si só supón un investimento de 6,35 millóns de euros, finánciase a partes iguais entre a CPTOPT e o Consorcio grazas a un convenio complementario.

Pola súa banda, Autoestradas de Galicia é a encargada de acometer materialmente todas as obras e asume o custo da reforma dos outros dous enlaces que están ligados a peaxes: Ramallosa (permitirá realizar percorridos Gondomar-Baiona e viceversa) e Nigrán (facilitará todos os percorridos posibles entre Praia América e Baiona e require dunha obra de grande complexidade técnica pola ubicación do actual enlace parcial).

O compromiso de financiamento que asume Política Territorial supón que os concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona non terán que realizar achegas económicas para acometer as obras de reforma dos enlaces. Así, os tres concellos foron liberados do compromiso ao que chegaran co anterior goberno autonómico e co que asinaron un protocolo no que se comprometían a participar no financiamento destas actuacións.

Unha das principais melloras que suporá esta reforma da Autoestrada do Val Miñor será a de proporcionar unha circunvalación gratuíta a Baiona. A posibilidade de acceder á autoestrada en Sabarís e saír dela en Baredo, e viceversa, sen ter que pagar ningunha peaxe, contribuirá a reducir o tráfico da travesía da PO-552 ao seu paso pola vila e eliminar as retencións que se producen en determinadas datas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: