Día Internacional do Teatro en Gondomar

foto-bailadela-73O sábado 21 de Marzo no Auditorio Lois Tobío, ás 22.00 horas o Concello de Gondomar celebra o Día Internacional do Teatro premiando pola súa traxectoria á compañía gañadora do último premio MAX na categoría de Mellor Autor Teatral “Teatro de Ningures” que representará a obra “Bailadela da Morte Ditosa” do gran dramaturgo galego Roberto Vidal Bolaño.

Despois de levar ós escenarios, nos últimos anos, tres textos tan diferentes como “Tartufo”, “Misericordia” e “Emigrados” (co que gañaron o premio MAX 2009 na categoría de Mellor Texto Teatral -unha comedia clásica, unha áceda crítica social e unha obra contemporánea escrita a cinco mans por outros tantos autores galegos-, en Teatro de Ningures ven clara a necesidade de continuar a traballar unha vez máis nesa última liña: a de levar a escena outra obra galega contemporánea que toque temas de hoxe –e de sempre, neste caso- que toque a tecla da sensibilidade do espectador/ora de aquí e de agora.

E qué autor galego contemporáneo mellor que Roberto Vidal Bolaño? Desaparecido prematuramente, Roberto constituiu un dos escasos cumes da nosa Literatura Dramática, cunha estética moi particular, cunha linguaxe rica e rexa, cunha conciencia crítica insobornable e cunha capacidade creativa que o levaron ao lugar que ocupa sen dúbida ningunha: un lugar cimeiro na Literatura Dramática galega actual e de todos os tempos.

“Bailadela da morte ditosa” preséntanos seis encontros coa morte noutros tantos cadros.
Encontros procurados sempre polos personaxes e por diferentes motivos: adiantar a propia morte para fuxir do sufrimento, achegarse a ela para matar a soidade ou o fracaso, abrazala para alimentar outra vida ou acabar nos seus brazos como remate natural dun camiño xa andado.

E Roberto Vidal Bolaño píntanos eses cadros coas súas pinceladas características: unha linguaxe áxil e poderosa, uns personaxes trazados con gran profundidade e un achegamento ao tema – a morte buscada, a “ditosa”- sen estridencias, con gran naturalidade, como sempre se tratou na nosa cultura e desde o noso imaxinario.

A pesar do seu título, as bailadelas da morte ditosa son un canto á vida: a vida digna, ao amor, á liberdade. Tampouco non queremos dar unha visión “valleinclanesca” e moito menos “costumbrista” do texto – que pode conter esas dúas características no seu seo- senón que imos procurar subliñar nel todo o que ten de “contemporaneidade”, entendido este concepto como proximidade, achegamento aos conflitos máis fondos e actuais, máis esenciais, tentando despoxalo, por exemplo, de referencias xeográficas ou específicas da época, porque entendemos que é un texto universal.

Porque “as bailadelas” compoñen un texto completamente contemporáneo, galego e universal, cuns personaxes e unha problemática actual e totalmente recoñecible polo público de hoxe e de calquera lugar.

Sobradas razóns para premia-la súa traxectoria co recoñecemento “Roberto Vidal Bolaño 2009” que cada ano se fai a unha compañía de teatro galego en Gondomar.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: